Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

CMATI

|
|
|
Compartir

Pneumáticos usados

  • Almacén de pneumáticos
  • Sistema de almacenamento de pneumáticos
  • Pneumáticos en anacos
  • Usos para campos de céspede artificial
  • Usos nas soleiras de parques infantís
  • Usos en mesturas bituminosas con caucho

Os pneumáticos usados

O Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, establece o marco específico para as actividades de xestión de pneumáticos usados.

 

Os pneumáticos fóra de uso teñen a consideración de residuos non perigosos, e codifícanse dentro da Lista Europea de Residuos co código LER 160103 (Pneumáticos fóra de uso).

 

 

Os particulares poden entregar os pneumáticos usados no establecemento no que adquiran os novos pneumáticos. Algúns puntos limpos tamén reciben pneumáticos usados.

 

Os talleres que realicen cambios de pneumáticos ou os establecementos distribuidores deben entregalos aos fabricantes, que se encargarán da recollida a través dos sistemas integrados de xestión (SIX). Consulte aquí os sistemas integrados de xestión autorizados en Galicia para a recollida de pneumáticos.

 

As instalacións de xestión

En Galicia existen varias plantas autorizadas para a xestión de pneumáticos. As instalacións de xestión de pneumáticos fóra de uso deben cumprir cos requisitos establecidos no anexo do Real Decreto 1619/2005, do 30 de decembro:

 

  • O almacenamento na instalación de xestión de pneumáticos non poderá superar un período de tempo de un ano nin se poderán almacenar cantidades que excedan da metade da capacidade anual autorizada de tratamento.
  • A instalación deberá estar situada a unha distancia respecto a zonas forestais ou outra instalación industrial de modo que proporcione seguridade suficiente fronte á propagación de incendios. No caso de non poder asegurar tal aspecto, deberán instalarse medidas de protección para evitar o inicio e propagación.
  • Os NFU deberán almacenarse illados das demais dependencias das instalacións, con accesos adecuados para permitir a circulación de vehículos pesados, e nunha zona protexida das accións desfavorables exteriores.
  • Os NFU deberán almacenarse, como mínimo, sobre solo debidamente compactado e acondicionado.
  • A zona deberá estar dotada dun sistema de recollida de augas pluviais.
  • A altura máxima dos pneumáticos enteiros en pilas libres será de 3 m.
  • A zona de almacenamento de pneumáticos enteiros estará compartimentada en celas ou módulos independentes de capacidade máxima de 1000 m3.
  • Deberá cumprirse coas medidas de prevención de riscos de incendios segundo o establecido na normativa en vigor correspondente.

 

O tratamento de pneumáticos pode levarse a cabo mediante distintas operacións. Pode realizarse unha operación de preparación para a reutilización, mediante o recauchutado dos pneumáticos, ou ben realizar unha valorización material dos mesmos, fabricando produtos a partir dos pneumáticos mediante distintas técnicas de reciclaxe (vía húmida, vía seca ou vía mixta) como pode ser o triturado e separación das partes metálicas dos pneumáticos. Tamén se pode empregar un tratamento mediante valorización enerxética onde os pneumáticos fóra de uso, sometidos a un pretratamento, son utilizados como combustible alternativo, especialmente en cementeiras. Trátase de exemplos de tratamentos, existen moitas outras tecnoloxías para o tratamento dos pneumáticos, como poden ser a pirólise ou a termólise.

 

Os materias recuperados a consecuencia da valorización material de pneumáticos teñen numerosas aplicacións, algunhas delas aínda en estudo. Na actualidade estes materiais utilízanse como recheo de campos de céspede artificial en pistas deportivas, como materia prima para a fabricación de lousas nos parques infantís, para a fabricación de mesturas bituminosas con contido en caucho, empréganse en sistemas de drenaxe, nos paneis acústicos, etc.

 

Autorización para a xestión de pneumáticos fóra de uso

 

Para poder realizar actividades de xestión de pneumáticos a empresa deberá solicitar autorización como xestor de valorización de residuos non perigosos, en concreto, para tratar o residuo con código LER 160103 (Pneumáticos fóra de uso).

 

A solicitude de autorización como xestor de valorización de residuos non perigosos, debe conter a documentación establecida no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, e na Lei 22/2011, do 28 de xuño, de residuos e solos contaminados. Se quere consultar o procedemento e a documentación a aportar prema aquí .

 

Poderase esixir certificado por parte de un Organismo de Control Autorizado conforme as instalacións de xestión de pneumáticos cumpren co Real Decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais.

 

Debe terse en conta que en ningún vertedoiro se poden admitir pneumáticos usados (tanto enteiros como en anacos), salvo os pneumáticos de bicicleta e os de diámetro exterior superior a 1.400 mm, polo que todos os pneumáticos fóra de uso xerados deben ser enviados a un xestor autorizado para o seu tratamento.