Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

CMATI

|
|
|
Compartir

Residuos inertes

Residuos inertes: formigón, tellas, ladrillos, vidro...

Os residuos inertes:

Un caso particular dentro dos residuos non perigosos é o dos residuos inertes, que se definen segundo a Lei 10/2008, do 3 de novembro como aqueles residuos non perigosos que non experimentan transformacións físicas, químicas ou biolóxicas significativas. Os residuos inertes non son solubles nin combustibles, nin reaccionan física nin quimicamente nin de ningunha outra maneira, nin son biodegradables, nin afectan negativamente a outras materias coas que entran en contacto de maneira que poidan dar lugar á contaminación do medio ambiente ou danar a saúde humana. A lixiviabilidade total, o contido de contaminantes dos residuos e a ecotoxicidade do lixiviado deberán ser insignificantes, e en particular non deberán supor un risco para a calidade das augas superficiais e/ou subterráneas.

 

A Decisión do Consello, do 19 de decembro de 2002, pola que se establecen os criterios e procedementos de admisión en vertedoiros inclúe unha lista de residuos que se consideran inertes sen necesidade de realizar as probas de admisión de residuos en vertedoiro de residuos inertes:

 

Residuos considerados inertes segundo a Decisión do Consello, do 19 de decembro de 2002

101103

Residuos de materiais de fibra de vidro

150107

Envases de vidro

170101

Formigón

170102

Ladrillos

10103

Tellas e materiais cerámicos

170107

Mesturas de formigón, ladrillos, tellas e materiais cerámicos

170202

 

 

inertes

Residuos de construción e demolición: ladrillos

 

Ademais, segundo a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental publico o 2 de xuño de 2005 a Instrución técnica de residuos ITR/01.0/04, referente á xestión de residuos de elaboración de rocas ornamentais, na cal se considera que os residuos de elaboración de rocas ornamentais teñen a consideración de residuos non perigosos inertes. Dentro da Lista Europea de Residuos estes residuos codificaríanse baixo o seguinte código LER:

 

Residuos considerados inertes segundo a ITR/01.0/04

010413

Residuos do corte e serradura de pedra distintos dos mencionados no código 01 04 07

 

Poden existir outros residuos inertes fóra dos especificados nas táboas anteriores. Para acreditar o carácter inerte dun residuo será necesario sometelo ás probas que corresponda para determinar se cumpren os criterios para ser considerados residuos admisibles en vertedoiros para residuos inertes segundo o disposto na decisión antes citada.

 

Aos efectos das operacións de xestión descritas a continuación, non se inclúen como residuos inertes os residuos resultantes da prospección, extracción, valorización, eliminación e almacenamento de residuos minerais, así como da explotación de canteiras, no regulado na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e no Real Decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.

 

As operacións de xestión de residuos inertes

 

As operacións de aproveitamento destes residuos poderán realizarse unicamente cando o residuo sexa inerte e adecuado ao uso ao que se destina. Algunhas das opcións para a xestión de residuos inertes para o seu uso como recheo son:

 

  • Aproveitamento dos residuos non perigosos inertes para a súa utilización como recheo de canteira.
  • Aproveitamento dos residuos non perigosos inertes en obras de acondicionamento ou recheo ou en restauración de espazos degradados distintos das canteiras.

 

inertes

Canteira en explotación en Melide (A Coruña)

 

Ademais estes residuos poden tratarse mediante outros procesos, por exemplo para a elaboración de árido reciclado ou de tecnosolos, ou mediante outras actividades de valorización de residuos non perigosos.

 

Autorización para a xestión de residuos inertes:

 

Para poder realizar as actividades de aproveitamento de residuos inertes descritas, a empresa deberá obter previamente autorización como xestor de residuos non perigosos, para aqueles códigos LER que pretenda tratar e acreditar, de ser necesario, o carácter inerte do residuo.

 

A solicitude de autorización como xestor de residuos non perigosos inertes, debe conter a documentación establecida na Lei 22/2011, do 28 de xuño, de residuos e solos contaminados. Se quere consultar o procedemento e a documentación a aportar prema aquí .

 

Ademais da documentación anterior, o xestor deberá presentar:

 

  • Xustificación de que o resultado da operación sexa a substitución de recursos naturais que, no caso contrario, deberían utilizarse para cumprir o fin buscado coa obra de restauración.
  • Para a súa utilización como recheo de canteira, debe presentar aprobación do proxecto de restauración da concesión da explotación da canteira pola Consellería de Economía e Industria que contemple na restauración o uso de residuos inertes.
  • Para a súa utilización en obras de acondicionamento de espazos degradados distintos das canteiras:
    • Estudo da viabilidade real do proxecto que acredite que a previsión de utilización de residuos non perigosos inertes é axeitada tendo en conta a previsión do tempo de aproveitamento presentado no cronograma de traballo a aportar pola empresa e a estimación real da produción de residuos non perigosos inertes da zona de influencia.
    • Proxecto de rexeneración da zona a restaurar, se é o caso.
    • Seguimento da restauración mediante un programa específico de control da actuación, se é o caso.

En todo caso, e como documentación de seguimento, o organismo administrativo competente en materia de residuos poderá exixir en cada caso, a presentación periódica de analíticas que demostren que o residuo segue a ter o carácter de inerte e/ou un informe sobre as actividades realizadas.

 

No caso dos residuos de construción e demolición, o Real Decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión de residuos de construción e demolición especifica no seu artigo 13 os requisitos que se deben cumprir para que o uso de residuos inertes procedentes de actividades de construción ou demolición na restauración dun espazo ambientalmente degradado, en obras de acondicionamento ou recheo, poderá ser considerada unha operación de valorización. De non cumprirse eses requisitos, a operación de xestión será considerada unha operación de eliminación.