Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

CMATI

|
|
|
Compartir

Como se xestionan?

  • Distintivo Punto SIGRE
  • Colector de residuos de envases de medicamentos, restos de medicamentos, e medicamentos caducados

Os envases baleiros ou con restos de medicamentos, así como os medicamentos caducados, xerados nos domicilios particulares requiren unha recollida selectiva específica e polo tanto non se poden depositar no colector do lixo nin mesturar con outros envases ou residuos. Deben depositarse nos colectores especialmente deseñados para este tipo de residuos e que se atopan nas farmacias adheridas ao sistema de recollida selectiva SIGRE.

As farmacias adheridas dispoñen dun distintivo que as identifica como Puntos SIGRE de información e recollida demedicamentos.

Actualmente en Galicia hai 1.334 farmacias que contan co Punto SIGRE, que é un colector situado no interior das farmacias nun lugar visible e accesible ao cidadán.

 

PROVINCIA

Nº FARMACIAS

A CORUÑA

542

LUGO

180

OURENSE

185

PONTEVEDRA

427

TOTAL

1.334


 

Que debe depositar o cidadán no Punto SIGRE da súa farmacia habitual:

  • Os envases baleiros de medicamentos, coas súas caixas e prospectos.
  • Os envases con restos de medicamentos.
  • Os medicamentos caducados ou que non se necesiten.

Que non se pode depositar no Punto SIGRE:

  • Termómetros, próteses, radiografías e agullas.
  • Material de curas, obxectos cortantes, lentes de contacto e gafas.
  • Outros produtos que, debido á súa finalidade, poidan considerarse en si mesmos como produtos sanitarios.

Unha vez que o cidadán deposita os residuos de envases de medicamentos, restos de medicamentos ou medicamentos caducados no Punto SIGRE é o propio farmacéutico o que solicita a súa recollida cando é necesaria, a distribución farmacéutica recólleos e almacénaos en colectores estancos situados nas súas instalacións dende onde un transportista autorizado os traslada ata a Planta de Clasificación de Residuos de Medicamentos.

Na planta de selección e clasificación de medicamentos situada en Tudela del Duero (Valladolid) realízase a separación dos materiais de envasado que poden ser reciclados (papel e cartón, plástico, vidro) para a súa entrega a empresas de reciclaxe autorizadas que as incorporarán como materias primas nos procesos de fabricación de novos produtos.

Así mesmo, procédese a clasificar os restos de medicamentos segundo a súa tipoloxía e composición, de xeito que poidan ser entregados a xestores de residuos autorizados para o seu tratamento de acordo á normativa vixente. A maior parte destes residuos son valorizados con recuperación enerxética.