Segundo a Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, considéranse residuos inertes aqueles residuos non perigosos que non experimentan transformacións físicas, químicas ou biolóxicas significativas. Os residuos inertes non son solubles nin combustibles e non reaccionan física nin quimicamente, nin de ningún outro modo, non son biodegradables e non os afectan negativamente outras materias con que entran en contacto de maneira que poidan dar lugar á contaminación do ambiente ou prexudicar a saúde humana. A lixiviabilidade total, o contido de contaminantes dos residuos e a ecotoxicidade do lixiviado deberán ser insignificantes e, en particular, non deberán supoñer un risco para a calidade das augas superficiais e/ou subterráneas.
Quedan excluídos aos efectos de aplicación destas instrucións os residuos resultantes da prospección, extracción, valorización, eliminación e almacenamento de recursos minerais, así como da explotación de canteiras, no regulado na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas. Os mesmos regularanse pola súa lexislación específica.
.