Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Plataforma de Información sobre Técnicas Emerxentes

Data de publicación: 08.11.2019

Descrición:

 

 

Nova Plataforma de Información sobre Técnicas Emerxentes

 

A investigación e o desenvolvemento de novas técnicas encamiñadas a reducir emisións, consumo de materias primas e enerxía é un factor fundamental e necesario para lograr o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 2030.

 

Así mesmo, dentro do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) e do primeiro Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica defínense un conxunto de medidas que buscan posibilitar unha transformación profunda dos sectores produtivos, entre as cales se atopan a innovación e a investigación e o impulso de políticas de aforro e eficiencia enerxética para as diferentes formas de consumo final da enerxía, tanto no parque residencial, como nos servizos e administracións e, de maneira moi importante, na industria.

 

Dentro dos traballos de revisión dos documentos sobre Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD) na industria (Documentos BREF), derivados da Directiva 2010/75/UE sobre emisións industriais (DEI) e que levan a cabo na área de Medio Ambiente Industrial do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO), é necesaria a recompilación de información sobre aquelas técnicas innovadoras que se están desenvolvendo e que permitirán, mediante a súa aplicación na industria, unha mellora substancial do comportamento ambiental da mesma, reducindo emisións, mellorando a eficiencia enerxética e/ou favorecendo a economía circular no proceso produtivo.

 

A ese respecto, desde a área de Medio Ambiente Industrial do MITECO gustaríanos informarlles da creación do Observatorio de Técnicas Emerxentes na Comisión Europea.

 

Trátase dunha plataforma de intercambio de información cuxos obxectivos principais son:

 

 

  • O contacto coas partes interesadas para documentar e levar a cabo o seguimento do desenvolvemento de técnicas novas e emerxentes nos sectores pertinentes, e avaliar o seu estado de desenvolvemento.

 

  • Desenvolver unha plataforma onde as técnicas emerxentes estean documentadas e clasificadas para que sexan obxecto de seguimento e con vistas a que, se procede, sexan incluídas nos BREF.

 

 

As Técnicas Emerxentes defínense no artigo 3, punto 14, da Directiva 2010/75/UE, como “técnica nova para unha actividade industrial que, se se desenvolve comercialmente, pode achegar un nivel xeral máis alto de protección do medio ambiente ou polo menos o mesmo nivel de protección do medio ambiente e uns aforros de custos superiores aos que se obterían coas mellores técnicas dispoñibles actuais”.

 

Trátase de técnicas que se atopan nunha fase de desenvolvemento tal que haxa grandes probabilidades de que poidan converterse en MTD (mellor técnica dispoñible).

 

Nesta etapa inicial o Observatorio centrarase na identificación de Técnicas Emerxentes de aplicación nos documentos de referencia BREF para os sectores "Téxtiles (TXT)" e "Matadoiros e subproductos animais (SA)", e tamén na identificación de técnicas transversais emerxentes que poidan ser aplicadas noutros sectores industriais. Con especial relevancia no tratamento de verteduras para a recuperación de nutrientes e produtos químicos. Tamén se están recollendo técnicas para a prevención ou abatemento de emisións de gases contaminantes en focos.

 

Dentro da plataforma cada técnica documéntase cos seguintes apartados:

 

  • Descrición.

  • Identificación do problema que as técnicas resolven/melloran.

  • Descrición e cuantificación dos Beneficios Ambientais.

  • Descrición dos efectos cruzados: desvantaxes.

  • Consideracións técnicas relevantes para a aplicabilidade.

  • Custos e factores implicados: economía, forza motriz para a implementación e barreiras, Grao de desenvolvemento da tecnoloxía: madurez, evidencias: plantas que o usan e/ou literatura que o cita.

 

Durante este ano 2019, varios interesados remitiron ao Ministerio información sobre técnicas que están a desenvolver e que poderían darse a coñecer a través da plataforma, polo que consideramos que existe un interese real entre industrias e centros de investigación en dar a coñecer os seus desenvolvementos.

 

As técnicas presentadas son avaliadas no Observatorio, valorando aspectos como a fase de desenvolvemento na que se atopen, custos, rendementos e finalmente determínase se poden clasificarse como técnicas emerxentes. A fase de desenvolvemento propicia a presentar no Observatorio sería que a técnica estivese desenvolta a escala de proxecto piloto.

 

Desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica valoramos moi positivamente a creación desta ferramenta e animamos ás partes interesadas a que contacten coa área de Medio Ambiente Industrial se desexan informar sobre Técnicas que poidan ser valoradas neste Observatorio.

 

Para o acceso ao Observatorio, pique aquí

Subir