CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Preguntas máis frecuentes

Que se entende por residuos de aparellos eléctricos e electrónicos procedentes de fogares particulares?

Segundo o artigo 2º.b do real decreto 208/2005, son residuos de aparellos eléctricos e electrónicos procedentes de fogares particulares os procedentes dos domicilios particulares e de fontes comerciais, industrias, institucionais e doutro tipo que, pola súa natureza e cantidade, son similares aos procedentes de fogares particulares.

Quen é distribuidor de aparatos eléctricos e electrónicos?

Considérase distribuidor ou vendedor de aparatos eléctricos e electrónicos a calquera persoa que forneza aparellos eléctricos e electrónicos, en condicións comerciais, a outra persoa ou entidade que sexa usuario final de devandito produto.

Os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) están considerados residuos perigosos ou non perigosos?

 

Hai que diferenciar se son residuos de aparellos eléctricos e electrónicos procedentes de fogares particulares ou pola contra proceden de usos profesionais.

Coa entrada en vigor da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de Residuos e Solos Contaminados, os residuos domésticos (procedentes de fogares particulares) non se considerarán como residuos perigosos ata que non sexan aceptados por unha entidade ou empresa rexistrada para a súa recollida ou tratamento.

Sen embargo se a procedencia dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos é de uso profesional considéranse perigosos dende o primeiro momento, dende a saída do centro onde se xeraron.

Todo isto tendo en conta que os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos están codificados e clasificados na Lista Europea de Residuos con códigos tanto de perigosos coma de non perigosos, en función da perigosidade dos mesmos.

Existe regulación sobre as condicións que han de reunir os almacenamentos temporais destes residuos?

O artigo 6 apartado 1 do decreto 208/2005 establece que: as instalacións nas que se recollan residuos eléctricos e electrónicos, ata temporalmente, excluídos os establecementos dos distribuidores, e nas que se realicen operacións de tratamento destes residuos deberán cumprir, como mínimo, os requisitos técnicos recollidos no anexo iv.

Na nosa comunidade autónoma non se esixirán condicións especiais de almacenamento aos distribuidores, salvo as mínimas para garantir a seguridade e hixiene dos traballadores.

Tanto as instalacións de tratamento como os espazos de almacenamento temporal previstos nos municipios (puntos limpos e similares), deberán estar autorizados pola Secretaría Xeral de calidade e avaliación ambiental da consellería de medio ambiente e desenvolvemento sostible.

Que tipo de autorización necesita unha empresa adicada ó transporte dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos?

  1. Transporte de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos de procedencia domiciliaria:
    • O transporte desde os puntos de entrega municipais (domicilios particulares, vía pública, puntos limpos fixos ou móbiles) ata as instalacións municipais de almacenamento debe realizalo un transportista autorizado de residuos urbanos
    • O transporte desde os distribuidores ou desde as instalacións de almacenamento municipais ata as instalacións autorizadas para que sexan tratados debe realizalo un transportista autorizado de residuos non perigosos
    • O transporte desde as instalacións de tratamento, nas que se realicen as mostraxes e triages necesarios que permitan caracterizar e clasificar os residuos, debe realizalo un transportista autorizado de residuos perigosos ou non perigosos en función das características de perigosidade que adquira a fracción que se pretende trasladar
  2. Transporte de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos de uso profesional:
    • O transporte desde os distribuidores (ou desde as instalacións municipais, no caso de que voluntariamente accedan a recollelos) ata as instalacións autorizadas para que sexan tratados debe realizalo un transportista autorizado de residuos non perigosos
    • O transporte desde as instalacións de tratamento, nas que se realicen as mostraxes e triages necesarios que permitan caracterizar e clasificar os residuos, debe realizalo un transportista autorizado de residuos perigosos ou non perigosos en función das características de perigosidade que adquira a fracción que se pretende trasladar

A entrega dos residuos de aparatos eléctricos y electrónicos aos establecementos distribuidores ou ás instalacións de almacenamento municipal non é necesario realizala a través dunha empresa de transporte de residuos.

Que documentación é necesaria para o transporte dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos? ¿é obrigatorio utilizar os documentos de control e seguimento (dcs)?

Unicamente cando os residuos de aparatos eléctricos e electrónicos que se transportan teñen a consideración de residuo perigoso -porque proceden de instalacións nas que se realizaron as mostraxes e triaxes necesarias para caracterizalo e clasificalo como perigoso- é obrigatorio o emprego dos documentos de control e seguimento. cando os residuos de aparatos eléctricos e electrónicos non teñan a consideración de perigoso, o distribuidor ou o xestor (por si mesmo ou a través do sistema integrado de xestión) facilitará ao usuario que o solicite un xustificante da entrega.

Os distribuidores deben contar con autorización para o almacenamento temporal dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos?

O artigo 4º.2 do real decreto 208/2005 establece que cando o usuario adquira un novo produto, que sexa de tipo equivalente ou realice as mesmas funcións que o aparello que se desbota, poderá entregalo no acto da compra ao distribuidor, quen deberá recepcionalo temporalmente.

No artigo 6º.1 concreta que son as instalacións de tratamento e os espazos de almacenamento temporal previstos nos concellos os que teñen que estar autorizadas polo órgano competente da comunidade autónoma, polo tanto os distribuidores non precisan de autorización para o almacenamento dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, nin se esixen condicións especiais para elo, salvo as mínimas necesarias para garantir a seguridade e hixiene dos traballadores.

Que tipo de autorización teñen que ter os xestores de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos?

As empresas que realizan almacenamento, clasificación ou tratamento de residuos de aparellos eléctricos ou electrónicos teñen que contar con autorización de xestor de residuos urbanos, ou de xestión de residuos non perigosos cando os residuos xestionados non poidan ser asimilables aos procedentes dos fogares particulares por ter unha natureza claramente industrial.

As empresas que realicen actividades de xestión coas fraccións resultantes dos procesos de clasificación ou tratamento, deberan contar coa autorización de xestión de residuos perigosos o non perigosos, segundo o tipo de residuo que xestionen.