CMAOT

CMATI

|
|
|
Compartir

Que son?

Dentro das competencias das Entidades Locais atópase a de prestar os servizos derivados da xestión dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma que se estableza nas respectivas ordenanzas

Considéranse residuos domésticos os residuos xerados nos fogares como consecuencia das actividades domésticas. Tamén se consideran residuos domésticos os similares, en natureza (características físicas e cantidade) e composición, aos anteriores xerados en servizos e industrias.

As actividades incluídas dentro do sector servizos son varias: administracións públicas, formación (colexios, universidade), sanidade (clínicas, hospitais, servizos veterinarios), hostalaría e restauración, comunicacións (correos, teléfonos), subministración de auga e enerxía, limpeza, transporte de viaxeiros e mercadorías e outras.

Inclúense tamén nesta categoría os seguintes residuos:

  • Os aparatos eléctricos e electrónicos, roupa, pilas, acumuladores, mobles e aparellos xerados nos fogares.
  • Os residuos e escombros procedentes de obras menores de construción e reparación domiciliaria: ladrillos, metais, rebos, madeiras, tubos, pinturas, disolventes, etc.

Enténdese como obras menores de construción e reparación domiciliaria son as de técnica sinxela e escasa entidade construtiva e económica, que non supoña alteración do volume, do uso, das instalacións e servizos de uso común ou do número de vivendas e locais, nin afecten o deseño exterior, a cimentación, a estrutura ou as condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións de todas as clases.

  • Os residuos procedentes de limpeza de vías públicas, zonas verdes, áreas recreativas e praias.
  • Os animais domésticos mortos: cans, gatos, ou calquera outra mascota que conviva no fogar.
  • Os vehículos abandonados na vía pública.

 

Bolsa tipo

A composición media dos residuos domésticos varía en función do nivel de vida e da actividade principal desenvolta pola poboación desa zona (turismo, gandería, pesca, industria, etc) así como da época do ano.

Para obter a composición media dos residuos da nosa Comunidade Autónoma calculáronse as composicións dos residuos xerados nos distintos ámbitos de xestión ao longo do ano e, en base aos resultados acadados, determinouse a seguinte bolsa tipo para Galicia:

bolsa tipo

 

Bolsa tipo de Galicia. Fonte: PXRUG 2010-2020.

 

Competencias

As Entidades Locais prestarán como servizo obrigatorio a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos de acordo co establecido nas súas ordenanzas municipais.

Ditas ordenanzas poderán regular de forma específica que:

 

  • As Entidades Locais poidan xestionar os residuos comerciais non perigosos e os residuos domésticos xerados nas industrias, sen prexuízo de que os produtores poidan xestionalos por si mesmos.
  • No caso de residuos perigosos domésticos ou de residuos con características que poidan dificultar a súa xestión as entidades locais poidan obrigar ao produtor a adoptar medidas para eliminar ou reducir ditas características ou a depositar os mesmos na forma e lugar axeitados.